Thursday 25 de April de 2024

Últimos días para presentar orixinais ao IV Premio Laudamuco para Textos Teatrais 2022


Últimos días para presentar orixinais á cuarta edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais, convocado polo Concello de Brión en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Trátase do premio anual con maior dotación económica do teatro galego, 7.000 euros, ao que hai que engadir a edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas.

O prazo de presentación está aberto ata este venres 11 de febreiro na Casa da Cultura de Brión. Poderán optar ao galardón todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra é libre.

De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Casa da Cultura de Brión (Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión. A Coruña). Deberase indicar no exterior do sobre “IV Premio Laudamuco para Textos Teatrais, 2022”. Nun sobre anexo pechado deberá figurar o lema (no exterior) e no interior os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.

Xurado

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do IV Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2022, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 43 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures, data considerada como o inicio da singradura profesional do teatro galego. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Nas súas tres primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021).